SELIM28

Expertos de sete países converten Vigo nun foro internacional sobre literatura e lingua inglesa medieval

(http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=11758&Itemid=2)

Case vinte anos despois, a International Conference of the Spanish Society for Medieval English Language and Literature (SELIM) regresa a Vigo. Esta cita internacional de expertos e expertas en lingua e literatura inglesa medieval celébrase dende hoxe e ata o sábado na cidade olívica, tras facelo por primeira vez en 1998. Este xoves tivo lugar o acto inaugural no Club Financiero de Vigo que da paso a tres días de ponencias, posters, mesas redondas e conferencias nas que participan 40 investigadores e investigadoras de universidades de España, Escocia, Polonia, Irlanda, Inglaterra, Hungría e Italia. A organización deste evento corresponde ao grupo de investigación LVTC, do que forma parte o profesor Jorge Luis Bueno, coordinador do comité organizador. El, xunto con Dolores González, vicerreitora de Estudantes, Juan Camilo Conde, profesor da Universidade de Murcia e presidente de SELIM e Elena Seoane, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, foron os encargados de dar a benvida aos asistentes.
O profesor Bueno lembra que este congreso xa se celebrou en Galicia en tres ocasións, en 1991 na Universidade de Santiago de Compostela, en 1998 en Vigo e en 2005 na Universidade da Coruña, e isto demostra que “sempre houbo en Vigo e en Galicia un bo número de investigadores no eido dos estudos diacrónicos, tanto literarios como lingüísticos”. Agora retómase esa ligazón, unha idea que xorde a raíz da pertenza a SELIM de varios docentes do grupo de investigación LVTC. “Somos membros da asociación case dende o seu comezo e seguimos asistindo anualmente aos congresos e tendo contacto coa asociación”, destaca Bueno, que é membro da xunta directiva e director da revista internacional de estudos medievais ingleses que edita SELIM. “Era un bo momento para volver a traer o congreso á Universidade de Vigo e darlle un foro aos novos métodos de investigación desenvolvidos nesta disciplina nestes últimos 20 anos”, remarca.
De feito, o LVTC ten unha longa traxectoria de desenvolvemento de proxectos de investigación competitivos, como destaca Bueno, e a organización de simposios internacionais de relevancia “sempre tivo para nós moita importancia para colocar a Universidade de Vigo no mapa do noso campo e para facer sempre da nosa Universidade un foro de prestixio no que dar voz aos mellores investigadores e docentes dos estudos ingleses e a celebración deste 28 congreso de SELIM segue a corroborar esta liña de actuación”.

Da literatura antigo-nórida a Tolkien

Ao longos dos tres días de simposio presentaranse ponencias, proxectos e relatorios cunha temática que Bueno cualifica de “miscelánea”, aínda que si se estableceron unha serie de temas principais de debate como son a lingüística diacrónica, as narrativas medievais en novos formatos, a tradución e representación da Idade Media, a codicoloxía e a sociolingüística histórica. Para completar o programa, terán lugar catro conferencias plenarias a cargo de “catro figuras relevantes dos estudos medievais na actualidade” como son Richard North, do University College London; Stuart Lee, da University of Oxford; Ans van Kemenade, da Radboud Universiteit Nijmegen e Belén Méndez Naya, da Universidade de Santiago de Compostela. Nos seus relatorios abordarán eidos da lingüística histórica, a literatura antigo-nórdica e a obra de J.R.R. Tolkien como medievalista e literato. De feito, tras o acto inaugural tivo lugar a primeira das conferencias plenarias a cargo de Ans van Kemenade titulada The interaction of syntax and information structure in the development of V2 in English.